GALERÍA DE FOTOS
O IES de Ponte Caldelas vén de recibir o primeiro premio INNOVAGAL de innovación educativa polo seu
proxecto Da terra á nube : O Monte Vivo. Este certame está convocado pola Consellería de Cultura,
Educación, Formación Profesional e Universidades e premia a traxectoria de compromiso dos centros
coa innovación educativa.
Da terra á nube trátase dunha acción educativa complexa que integra varios proxectos relacionados
entre si e que recolle unha traxectoria pedagóxica de compromiso do IES coa contorna en que se atopa.
Proxecto Terra, Proxecto Ríos, Paisaxe e Sustantibilidade... son un claro exemplo desa andaina de
compromiso que ten sido recoñecida e premiada en anteriores ocasións.
Desde hai uns anos, Monte Vivo é o eixo que artella os proxectos de innovación e parte da resposta da
comunidade educativa de Ponte Caldelas logo da devastadora vaga de incendios que chegou ás portas
do instituto no ano 2017. Consiste na recuperación e coidado do terreo que rodea ao instituto,
propiedade da Comunidade de Montes Veciñais de Cuñas e con quen se ten asinado un innovador
contrato de custodia. Neste proxecto colabora tamén a CFEA de Lourizán, que proporciona experiencia e
dirección técnica, e coa que se realizan labores de limpeza e plantación todos os cursos a partir de
equipos integrados por alumnado de ambos os dous centros. O proxecto ábrese tamén á participación
da asociación ecoloxista local A Rente do Chan, que ofrece a posibilidade de realizar actividades de
voluntariado.
Monte Vivo insírese na programación curricular do centro, abórdase cun enfoque interdisciplinar e
metodoloxías innovadoras e renóvase todos os cursos. Así, por exemplo no 21/22 incorporouse ao
Programa “Voz Natura: Os meandros do Verdugo”, co deseño dun sendeiro para goce da veciñanza que
percorre a área de custodia e que permite visualizar os meandros do río Verdugo, anteriormente ocultos
polos eucaliptos.
Tamén no curso 21/22, e relacionado con Monte Vivo, levouse a cabo o proxecto “Polo río vai e vén: Tras
as pegadas do volframio”, que consistiu en investigar a importancia estratéxica deste metal presente
nos montes do Suído, onde vive parte do alumnado do centro. Os resultados da investigación
verquéronse en productos creativos trasladados logo ao IES de Soutomaior, o que permitiu compartir
procesos entre o alumnado de ambos centros. Esta colaboración recibiu o premio en innovación
educativa en dinamización lingüística pola Xunta de Galicia.
Á posta en valor do patrimonio natural únese o traballo educativo co patrimonio inmaterial. Nesta liña
insírese o proxecto Patrimoni...ando, abordado tamén como un labor de investigación do alumnado a
partir dunha metodoloxía innovadora: a hiperaula. As familias convértense en fontes de información,
favorecendo así un diálogo interxeracional que fomenta a súa implicación no proceso educativo. Estas
actividades mereceron o premio da “Escola Viva” en innovación educativa.
En todos os proxectos búscase a sensibilización do alumnado cara á riqueza natural, etnográfica e
patrimonial da contorna en que vive, así como a creación dunha conciencia cidadá crítica e participativa.
En todos eles búscase converter o alumnado en motor activo da súa aprendizaxe , para o que se utilizan
metodoloxías innovadoras que conxugan o proceso de investigación coa utilización das TIC como
ferramenta básica de elaboración de produtos creativos que logo serán divulgados entre a comunidade
educativa.
O desenvolvemento dos proxectos implica a participación dunha parte importante do claustro do IES de
Ponte Caldelas e pon de manifesto a súa aposta pola innovación educativa.
Pódese ampliar información en : Custodiamos o territorio que nos rodea - Página web de isabeltorres
(jimdofree.com)
ACTO DE PRESENTACIÓN DO PREMIO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA NO IES DE PONTE CALDELAS
O día 21 de abril as 11 da mañan, presentamos no salón de actos do centro, o premio innovagal á par de renovar o convenio de custodia cos organismos participantes e, incluso, algún máis como o concello de Ponte Caldelas que vai participar aportando a limpeza de mato dunha zona en concreto.
Participaran, no acto, o alumnado que comezou o proxecto, actualmente cursando 2º Bac e os que comezan a súa traxectoria neste centro, o alumnado de 1º ESO.
Artigo do Faro de Vigo que podes mirar no seguinte enlace:
“Da terra á nube” del IES de Ponte Caldelas, premio Innovagal - Faro de Vigo
Artigo no xornal Pontevedra Viva, podes ampliar aqui: El IES Ponte Caldelas recibe el premio INNOVAGAL de innovación educativa por 'Da terra á nube: O Monte Vivo' - Pontevedra Viva
Na radio Radio Nova de A Lama:
Artigo en Nós Diario
Páxina web creada pola profesora Isabel Torres Jack. Departamento de Tecnoloxía do IES de Ponte Caldelas
Esta página web ha sido creada con Jimdo. ¡Regístrate ahora gratis en https://es.jimdo.com!